PREVENCIÓN DE INCENDIOS E LIMPEZA DE MONTES EN GALICIA
A Administración ten interés e responsabilidade en en aplicar medidas de prevención dos incendios forestais, pero precisa da colaboración da cidadanía, especialmente dos propietarios de parcelas forestais.
A Lei de Prevención de Incendios Forestais e a Lei de Montes impoñen a estes propietarios unhas obrigas específicas para procurar prevenir a aparición de incendios, e en caso de apareceren, que poidan ser extinguidos na maneira máis rápida e efectiva posible. Tamén inclúe dentro dos responsables da xestión da biomasa con estes fins aos Concellos e ás empresas titulares das instalacións e redes de enerxía eléctrica, gas e telecomunicacións.
Dentro das medidas esixidas aos particulares, a mais importante é a denominada “xestión da biomasa”,coñecida como limpar o monte e talar determinadas árbores que facilitan a propagación do lume.
Estas actuacións teñen que estar feitas, de forma habitual, antes do 30 de maio de cada ano, aínda que a data puidera variar por orde da Consellería competente e en atención ás circunstancias climatolóxicas e ambientais.
A xestión da bioamasa afecta ás zonas de solo urbano, núcleo rural, edificacións, parques e instalacións industriais que se atopen en terreo forestal ou a menos de 400 m da liña do monte (zona de influencia).
1.- A franxa a limpar é de 50 metros e a talar é de 30 metros. Se as árbores son caducifolias, tipo carballo ou castiñeiro, a tala só afectará a unha franxa de 10 metros.
2.- Estas distancias mídense desde a liña que delimita o solo urbano ou núcleo rural, que pode coincidir ou non co linde da finca, e en relación coas edificacións mediráse desde a parede do edificio, e no resto, desde o límite do parque ou da instalación.
3.- En caso de edificacións que non teñan a correspondente licenza municipal ou non cumpran co proxecto de edificación aprobado no Concello, o responsable de limpar é o propietario do edificado, podendo pasar polas fincas lindantes para este cometido, e o responsable de talar é o propietario da madeira.
4.- En caso de novas edificacións en zona forestal, haberán de incorporar ao proxecto de edificación medidas específicas de protección contra incendios. As masas forestais, aínda que sexan anteriores, haberán de respectar as distancias respecto a estas novas construccións, e o seu propietario deberá talar, aínda que terá dereito a reclamar unha indemnización polo prexuízo económico. A xestión da biomasa é responsabilidade do propietario do terreo edificado.
5.- A biomasa tamén haberá de ser retirada nunha franxa de 2 metros desde a arista exterior de vías e camiños forestais, polos propietarios dos terreos.
En caso de que o responsable da xestión da biomasa non o faga por propia iniciativa, o Concello pode requerilo e darlle un prazo para executar esta obriga, e se segue sen cumprir, fará o traballo o Concello e pasarálle o custo ao propietario.
En canto ás liñas eléctricas e os conductos de gas, son as empresas propietarias da instalación as obrigadas a facer estes traballos, nunha franxa de 5 metros desde a liña eléctrica e nunha franxa de 1,5 m desde o conducto de gas. As empresas haberán de avisar aos propietarios con 15 días de antelación por se preferisen facer eles esa tarefa.
Na execución dos traballos de tala tamén hai obrigas, xa que os restos da corta teñen que triturados e deixados no monte, polo menos un 30 % do total, para permitir que continúe o ciclo natural do chan.
Se finalmente se produce o incendio, a zona forestal afectada non poderá ser recalificada ata pasados 30 anos, a non ser que xa existira en proceso unha modificación do planeamento urbanístico que xa o tivera en conta.
A ter en conta tamén que nas áreas declaradas de alto risco de incendio, desde a declaración do inicio da tempada de perigo alto de incendio, e dependendo do grao de risco diario de incendio, limitaráse ou prohibiráse a circulación e o acceso a zonas forestais e o uso de maquinaria que poida producir unha chispa que inicie un lume.
- Índice de risco diario moi alto ou extremo: non se permite o acceso, circulación e permanencia nas áreas declaradas de alto risco, nin nos camiños forestais ou rurais, ou outras vías que atravesen as zonas forestais.
- Índice de risco diario alto: non se permite o uso de maquinaria que non estea provista de equipos de extinción de incendios.
Destas prohibicións están excluídas as persoas residentes ou propietarias na zona, ou que exerzan unha actividade profesional forestal, nin as persoas que non teñan outra alternativa de acceso ao seu domicilio ou lugar de traballo.
Tamén están prohibidas as fogueiras e o uso de equipos de queima ou combustión, para ocio, iluminación ou preparación de alimentos, agás nas zonas especialmente habilitadas, expresamente previstas e coa infraestructura adecuada a tal fin.
A Lei de montes tamén regula o aproveitamento dos montes para uso doméstico, tanto a recollida de leña como doutros productos, como as piñas dos piñeiros, o propietario da parcela haberá de comunicar á Consellería que vai facer esa actividade, polo menos un día antes, se non, pode ser sancionado como infracción leve, desde 100 ata 1000 € de multa.
En xeral, os incumprimentos relativos á prevención de incendios e xestión do monte serán mais ou menos graves dependendo da superficie afectada e se se produciron danos ou non. As multas por infraccións leves van desde 100 € a 1.000 €, as graves de 1.001 € a 100.000 € e as moi graves de 100.001 € a 1.000.000 €.
A mellor medida de prevención é estar ben informado, e na miña intervención en A Revista, da Televisión de Galicia, falamos polo miúdo deste asunto.