A Lei do Dereito Civil de Galicia, na súa última versión, foi publicada en xuño de 2006 e está en vigor desde o 3 de xullo de 2007. O seu fundamento constitucional é ter como finalidade desenrolar as figuras xurídicas e costumes con repercusión xurídica propios do territorio da Comunidade Autónoma de Galicia.
Con data 28 de marzo de 2007 o goberno do Estado interpuxo recurso de inconstitucionalidade contra esta Lei respecto aos artigos que regulaban a adopción e a autotutela. Os responsables do Estado consideraban que estas materias quedaban fóra das competencias autonómicas por non ser figuras históricas propias do mundo xurídico galego, e os responsables do Parlamento de Galicia consideraban que entraban dentro das súas competencias porque se incluían dentro do costume propio de Galicia que, a través das relacións familiares, procuraba a protección e desenrolo do patrimonio rural familiar.
Respecto á adopción, tema sobre o que xira este comentario, a figura tradicional vinculada era o “afillamento”, o feito de que persoas sen fillos acollían na súa casa a unha persoa próxima, parente ou non, para que fose o seu herdeiro, ou de acollemento daqueles menores que quedaban desamparados a consecuencia da emigración ou das desaparicións no mar.
O Tribunal Constitucional, en sentenza de data 16/11/2017, estima o argumento do Avogado do Estado e declara inconstitucionais os artigos recorridos.
Respecto á adopción, a regulación contida no Código Civil, de aplicación a nivel estatal, e a establecida na normativa civil autonómica eran básicamente coincidentes, excepto nos requisitos de idade:
1.- Do adoptante:
Normativa estatal: O adoptante ten que ser maior de 25 anos, a diferenza de idade co adoptado debe ser como mínimo de 16 anos e como máximo de 45 anos. En caso de adopción por máis dunha persoa (matrimonio ou parella de feito), este requisito debe ser cumprido por calquera dos adoptantes.
Normativa autonómica: O adoptante ten que ser maior de 25 anos, a diferenza de idade co adoptado debe ser como mínimo de 14 anos e como máximo de 40 anos, esta última condición se se pretende adoptar un menor cunha idade inferior a 1 ano. En caso de adopción por máis dunha persoa (matrimonio ou parella de feito), este requisito debe ser cumprido por calquera dos adoptantes.
2.- Do adoptado:
Normativa estatal: menor de idade. Tamén pode ser maior de idade ou menor emancipado (mínimo 16 anos), sempre que houbese unha convivencia previa de 1 ano.
Normativa autonómica: menor de idade. Tamén pode ser maior de idade ou menor emancipado (mínimo 16 anos), sempre que houbese unha convivencia previa anterior ao cumprimento dos 14 anos por parte do menor.
(Respecto á emancipación, remítome a outra entrada desta web Edad de las personas y consecuencias jurídicas)
A declaración de inconstitucionalidade afectará só a aqueles procesos de adopción que aínda estean en trámite, interpretando a Xunta de Galicia (Dirección Xeral de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica) que a estes efectos considerará en trámite todos os expedientes nos que non houbera xa unha asignación de menor a un adoptante declarado idóneo (instrucción publicada no DOGA de 28/05/2018), habendo de revisar todos os expedientes que se atopen nunha fase anterior a ese momento para poder incluir nas listaxes de solicitantes de adopción a quen fora excluído por motivos de idade.
A repercusión práctica será que, no trámite de asignación de familia a un menor, haberá mais candidatos a ter en conta, xa que o primeiro criterio que se aplica para facer esta asignación é a data de presentación de solicitude por parte do adoptante.
No seguinte enlace pódese acceder á miña colaboración no programa A Tarde, de Radio Galega, de 29/05/2018, no que tratamos cos oíntes este asunto.